CRTVG

Buscar

Drons de alta autonomía e que voan en condicións complexas, o futuro xa está aquí

Publicado o 09/07/2021 15:25

O sector aéreo é máis dinámico á hora de innovar e ofertar novas posibilidades de uso para vehículos sen piloto. Unha mostra das novidades nesa liña puidose ver esta mañá en Rozas.

O centro tecnolóxico vigués Gradiant presentou un sistema antidróns para evitar que poidan causar problemas en lugares especialmente sensibles, coma aeroportos. "Fai falta tecnoloxía que nos permita facer unha detección temperá dos seus sistemas e nalgún momento neutralizalos se é posible xerando unha especie de cúpula virtual para que non poidan entrar", di o responsable de seguridade de Gradiant.

O punto forte do Fulmar Wiew é que non precisa unha pista para coller voo e pode traballar en condicións meteorolóxicas complicadas. "Volamos, certificado, cunhas condicións de vento de ata 80 quilómetros por hora, onde outros non poden voar", di un dos responsables da empresa.

A proposta de UAV Works, é un dron ideado para o transporte de pequenas mercadorías e pode voar ata unha hora seguida. "Ten unha autonomía que multiplica por catro a de calquera outro da sua categoría", asegura un dos socios fundadores da empresa.

É ademais un exemplo dos modelos nacidos na aceleradora de proxectos do Polo Aeroespacial de Galicia, un marco de promoción empresarial público-privado que a Xunta vai seguir potenciando cunha aportación de 40 millóns de euros.

Amáis da investigación, estes fondos apoiarán ademáis a produción e a comercialización internacional. "Tamén imos impulsar proxectos de industrialización que nos permitar abrir novos mercados e achegar novos investimentos", di Francisco Conde, conselleiro de Economía, Empresa e Innovación.



 

Noticias web

09/07/2021