Uns vándalos estragan a colleita e o invernadoiro da horta escolar de Porto do Son
Unha acción vandálica botou por terra o traballo de horta que fixeran como actividade extraescolar día tras día rapazas e rapaces do centro público Santa Irene de Porto do Son. Os protagonistas da barrabasada cargaron cun bloque de formigón como ariete, saltaron o valado do colexio e estragaron as plantas e o invernadoiro.
Jesús Rodríguez Boullón, mestre do CEIP Santa Irene de Porto do Son, conta que "fixeron varios danos nos laterais e no teito fixeron un furado cun bloque que aínda está dentro. Pisaron as plantas, os tomates, estragaron todo, tiráronas ao chan, colleron os pementos e tiráronos dun lado ao outro. Tamén romperon a regadeira para que fixera máis impresión aínda de que viñan pasalo ben estragando o que é de todos".
Os autores desta falcatrúa frustraron o final dunha actividade e os escolares quedarán ser experimentar o proceso hortícola completo. Agora terán que empezar de novo e procurar medios para arranxar o invernadoiro. Quen o fixeron, supostamente exalumnos, tamén deixaron amolados os ánimos dos escolares actuais.
"As caras eran un espello de desánimo e de mal humor, de desgusto. Se hai xente que realmente se divirte ocasionando desgusto e desánimo noutras persoas, pode ser, pero non é a actitude propia dunha sociedade como a nosa en que o que se pretende desde cativo é ensinar todo o contrario ao que fixeron eles aquí. Esas persoas pasaron por un centro, pero o centro non pasou por elas", di Rodríguez Boullón.
Engade o mestre que toca seguir traballando na aprendizaxe cos cativos co obxectivo tamén de eliminar da sociedade condutas vandálicas como a sufrida.