Uns tomates de máis dun quilo sorprenden os seus donos
María Dolores e Álvaro, nai e fillo, teñen unha pequena horta na parroquia de Cira, no concello de Silleda. Alí cultivan patacas, cebolas, pementos e tomates. Este ano levaron unha gran sorpresa. Os tomates non eran como outros anos, esta vez, o tamaño destes deixounos sorprendidos.
"Foi unha planta que mercamos no invernadoiro de Lamela, e son tomates de máis dun quilo", conta Álvaro Mosquera, un dono da horta onde medraron os tomates.
"Compro as plantas no invernadoiro de Lamela e collín 7 ou 8 porque a muller díxome que era dun quilo. Púxenos con abono das ovellas, e nada máis. Anos atrás, tivemos cebolas de cerca dun quilo e cabezas de repolo, todo collido do mesmo invernadoiro", engade María Dolores Brei, a dona da horta.
Así é, eles cada ano van a un invernadoiro onde mercan as plantas para a súa horta, e sen ter moita fe, saíron tomates xigantes que agora xa teñen na súa cociña. Álvaro e María Dolores din estar sorprendidos porque tampouco aplicaron ningún coidado especial, de feito nin sulfataron, e aínda así, saíron uns tomates de máis dun quilo e moi saborosos.
"Pesan máis dun quilo douscentos todos. Pode haber algún de 600 ou 700, pero moi poucos", di María Dolores.
"Están bos, son moi sabrosos", engade Álvaro.
María Dolores tamén conta que "un tomate da para comer catro ou cinco persoas por ben que coman".
Tras esta inesperada pero gratificante sorpresa, o ano que vén, esta pequena familia sementará de novo na súa horta estes tomates.