CRTVG

Buscar

Uns Premios Princesa de Asturias marcados pola pandemia

Publicado o 16/10/2020 21:18

Por primeira vez en 40 anos, os Princesa de Asturias non se entregaron no Teatro Campoamor, senón no Hotel Reconquista. As esixencias sanitarias acentuaron a sobriedade do acto, sen público e con abundancia de discursos gravados, como os da poeta canadiana Anne Carson, Premio das Letras ou do compositor John Williams, Premio das Artes co finado Ennio Morricone. Carlos Saínz recolleu o seu galardón dos Deportes animando aos mozos a perseguir os seus soños. A emoción aflorou na entrega do premio á Concordia, encarnado nunha quincena de sanitarios, algúns deles parentes de falecidos pola COVID.

José Eugenio Guerrero, xefe da UCI do Hospital Gregorio Marañón, admitiu que "houbo desalento, cansancio infinito, bágoas, medo, pero sempre volvimos levantarnos, porque renderse non era unha opción".

Tamén no discurso da Princesa Leonor estivo presente a pandemia. Tivo un recordo para os enfermos e falecidos e salientou algunhas das leccións que deixa para os máis novos: "a pandemia que vivimos en España e no resto do mundo alterou a nosa vida en moitos sentidos. Pero se hai algo que a miña irmá Sofía e eu aprendimos é o sentido da responsabilidade, e creo que os mozos da miña xeración tamén son conscientes diso".

O rei pediu un gran esforzo nacional de entendemento para superar a crise. Filipe VI loubou a actitude heróica dos sanitarios e instou aos poderes públicos a estar á altura dos sacrificios dos españois: "a inmensa maioría do pobo español está dando probas inequívocas de resistencia e enteireza. O seu exemplo non pode ser un esforzo esteril nin caer no esquecemento. E ese esforzo esíxenos a todas as institucións estar sempre e agora máis que nunca sempre ao servizo e ao lado dos cidadáns".

O rei instou aos poderes públicos a conducirense coa máxima integridade e facendo dos intereses xerais o seu norte.

Noticias web

16/10/2020