Uns gandeiros de Chantada gañan co leite o que lles custa un xerador
Todo o que gañan co leite gástano en gasóleo para un xerador. É o que lles sucede a uns gandeiros de Chantada que non logran que os autoricen a aumentar a potencia eléctrica que necesitan para o robot de muxidura. A compañía eléctrica dilles que a liña tería que ir soterrada, pero a Deputación non permite facer as obras. E, mentres, gastan 4.000 euros ao mes só para ter luz suficiente.
A compañía de luz di que a liña ten que ir soterrada e a Deputación de Lugo di que ten que ir polo aire. Esa falta de acordo leva os donos desta granxa de Chantada a depender dun xerador de gasóleo para ter potencia eléctrica suficiente para que funcione o robot de muxidura que instalaron no mes de maio. Dende aquela, gastan uns 3.500 euros mensuais de combustible e outros 400 en alugar o aparello. Así, todo o que ingresan pola venda do leite váiselles en pagar a enerxía. Unha situación que din que non poderán aturar moito máis tempo.
"Non vexo unha solución fácil e non creo que aguantemos máis alá de fin de ano".
A toma de luz que podería abastecer a granxa está a uns seis metros, polo que tanto soterrar a liña como pasala polo aire suporía un traballo mínimo e un investimento moi baixo que os gandeiros están dispostos a asumir. Polo de agora, os custos que pretendían aforrar co robot convertéronse en gastos engadidos por culpa da burocracia.