CRTVG

Buscar

Falsos técnicos da luz rouban 8.000 euros a uns octoxenarios en Palas de Rei

Publicado o 15/09/2021 13:07

Dous ladróns que se fixeron pasar por técnicos da luz desvalixaron a casa duns octoxenarios residentes en Regodeiras, na parroquia palense de Carteire, con mobilidade reducida. Coa escusa de que debían cambiar unha peza do contador para aforrar no recibo, un deles conseguiu acceder á vivenda. Cando lle cobrou 120 euros pola instalación ao dono da casa, de 89 anos, puido saber onde gardaban os cartos. Daquela avisou o seu cómplice, que entrou a roubar os 8.000 euros en metálico que tiñan gardados, ademais dun maletín con case todas as xoias familiares.

"Un estaba arriba e o outro, abaixo. O de arriba, ao ver os cartos, chamou o de abaixo, coa escusa de que chamaba unha compañeira. Pero non era tal, senón o que estaba no coche, que subiu mentres o outro seguía a entreter o señor e marchou co diñeiro e mais cunha caixa de xoias", explica un residente no lugar.

Os veciños só puideron ver os falsos técnicos da luz cando xa escapaban co seu botín. Ao parecer, o día anterior o mesmo coche xa pasara pola zona para inspeccionala.

"Creo que viñan xusto a tiro fixo. Nós non nos dariamos de conta, pero eles dixéronos que estiveron aquí outro día. Eles viñeron e non entraron a ningunha outra casa, senón que foron directos onda o señor", engade o veciño.

A Garda Civil, que está a investigar o roubo, aconsella non abrirlle a porta a ningún técnico da luz ou do gas que non se solicitara previamente a través da compañía subministradora.

Noticias web

15/09/2021