CRTVG

Buscar

Uns 7.000 docentes de Santiago e A Barbanza sométense hoxe ao cribado con tests rápidos

Publicado o 29/08/2020 09:50

A área sanitaria de Santiago e A Barbanza comeza este sábado o cribado mediante tests rápidos de anticorpos de dobre banda a todo o persoal docente, case 7.000 persoas, dos centros educativos da zona para determinar posibles infeccións por covid-19 ante o inicio do curso escolar.

As probas realízanse en horario de mañá e tarde de 11:00 a 21:00 horas entre semana e de 9:00 a 21:00 horas na fin de semana no laboratorio de análises clínicas do hospital de Santiago, mentres que no hospital da Barbanza serán en quenda da mañá de 9:00 a 14:00 horas na consulta 10 do andar cero.

Realízase mediante punción capilar coa extración dunha gota de sangue do dedo e o resultado da mostra coñécese nuns 10 a 15 minutos. Sanidade cita por SMS no clínico de Santiago 5.387 docentes, mentres que 1.338 terán cita no hospital da Barbanza en Ribeira.

As persoas que teñan síntomas compatibles co coronavirus non deben acudir á cita e terán que consultar co seu médico no seu centro de saúde ou no PAC se é fóra do horario de atención ordinaria.