CRTVG

Buscar

Uns 50 universitarios, confinados na residencia Burgo das Nacións

Publicado o 28/04/2020 14:30

Os campus de todo o país quedaron orfos desde o 16 de marzo. A meirande parte dos estudantes fixeron as maletas e regresaron aos seus lugares de orixe. Pero algúns decidiron quedar. En Santiago, aos que vivían en residencias, a Universidade agrupounos no Burgo das Nacións, no campus norte. Alí levan confinados un mes, medio cento de unversitarios. Yarden é un deles. Vive en Pontevedra, pero preferiu quedar por varias razóns.

Yarden vive confinado na residencia Burgo das Nacións: "Como estou acabando a carreira e teño que facer o traballo de fin de grao, eu considero que estando aquí na residencia teño mellor espazo de traballo para concentrarme mellor. E outro motivo é que, como miña nai traballa nun supermercado e está todo o día en contacto con persoas, pois correría máis risco estando na miña casa que permanecendo aquí".

Tamén Kamal Aldalati, estudante sirio, que se sente privilexiado polo espazo do que dispón, con moita luz, e loa a excelente organización da residencia. Gárdanse as distancias e o uso de espazos comúns é restrinxido.

Kamal Aldalati, estudante sirio: "A verdade é que tiven moita sorte con ter un cuarto cunha fiestra bastante grande para ter unha vista ao mundo exterior, que xa estamos bastante confinados. Eu creo que se xestionou moi ben a residencia, de cara a como estamos os que estamos dentro, separarnos con bastante distancia e como usar as zonas comúns".

Yarden vive confinado na residencia Burgo das Nacións: "Nunca podemos estar dúas persoas no mesmo espazo. O resto de salas comúns están pechadas, excepto a cociña, que podemos empregar unha persoa á vez durante 30 minutos para a hora de almorzar e outros 30 para a hora de cear. E a sala de lavandería, que podemos usar durante dúas horas á semana para lavar e secar a roupa".

Confinados cada un no seu cuarto, din que intentan distraerse como o resto do mundo: coa axuda da música, o cine, exercicio, videochamadas a familia e amigos, e aproveitando moitas horas de estudo e traballo.

Noticias web

28/04/2020