CRTVG

Buscar

Uns 200 estudantes acampan no centro de Barcelona nunha xornada de folga con seguimento escaso

Publicado o 30/10/2019 14:58

O Sindicato de Estudantes dos Países Cataláns continúa coa folga indefinida que onte paralizou a actividade nas principais universidades de Barcelona. Esta mañá a tranquilidade volvía aos campus, onde apenas houbo seguimento do paro. Nos institutos e centros de secundaria, que hoxe estaban convocados á folga, o seguimento foi moi desigual.

Uns 200 estudantes da autodenominada Xeración 14 de outubro acamparon na praza da Universidade, onde instalaron unhas 50 tendas. A media mañá cortaron a Gran Vía para pedir amnistía, un futuro digno e a fin da represión.

Societat Civil Catalana denunciou ante a fiscalía a presidenta da ANC por presuntos delitos de odio e incitación á violencia. Elisenda Paluzie asegurara que os altercados violentos ocorridos en Barcelona fan visible o conflito catalán no mundo.

Mentres, un grupo de intelectuais, como Marsé, Marías, ou Cercas asinaron un manifesto para pedir a dimisión de Torra por alentar o enfrontamento. O presidente da Generalitat tamén recibiu hoxe outra notificación do Constitucional, que anula o seu Plan de acción exterior, tal e como pedira o Goberno en funcións.

Noticias web

30/10/2019