CRTVG

Buscar

Unións Agrarias anuncia mobilizacións polo bloqueo dos prezos do leite en orixe

Publicado o 22/10/2021 18:45
Unións Agrarias anuncia mobilizacións polo bloqueo dos prezos do leite en orixe

A organización Unións Agrarias iniciará unha campaña de mobilizacións o próximo 11 de novembro para denunciar a "actitude intolerable de empresas como Larsa e Lactalis", que "someten a un bloqueo nos prezos do leite en orixe a pesar dos brutais custos de produción que sofren as explotacións", afirma a organización.

UUAA asegurou que "apunta" estas dúas firmas como principais instigadoras para forzar á baixa as cotizacións lácticas "a pesar da gran rendibilidade que están a obter tanto pola comercialización de produtos industriais como pola recuperación dos prezos de venda ao público que a distribución está imprimindo ao leite líquido e derivados lácteos logo das mesas de diálogo abertas por Unións Agrarias coas grandes superficies".

As concentracións terán lugar nas plantas industriais de Lactalis en Vilalba e Larsa en Outeiro de Rei. UUAA asegura que "supoñen un primeiro chanzo na escalada dun calendario de actuacións cada vez máis contundente para reverter unha situación en que os gandeiros de leite, segundo o estudo da cadea de valor do leite do Ministerio de Agricultura, están a pagar un 20,45 % máis pola alimentación das vacas e un 22,45 % máis pola enerxía e o combustible".

 

Noticias web

22/10/2021