'Unidos pola fiestra': saír ao balcón para cantarmos xuntos o himno galego
Hoxe, 14 de abril, cumprimos un mes de confinamento e desde o mundo da cultura lanzaban unha proposta para este mediodía. 'Unidos pola fiestra': saír ao balcón para cantarmos xuntos o himno galego. Afinar un canto pola cultura, a saúde e a solidariedade.
Á unha da tarde, 'Unidos pola fiestra' para cantarmos xuntas o himno galego. Esta é a proposta que nos lanzaban desde a Federación Galega de Teatro Afeccionado. Porque hai un mes, xusto hoxe, que o mundo se pechou para todos, tamén para a cultura. E desde este colectivo pídennos que afinemos pola solidariedade.
Ademais de saír ao balcón, a acción vai acompañada coa emisión deste vídeo en que participan voces de varios ámbitos da cultura. Porque, din os convocantes, "non sabemos como será o futuro, pero si sabemos que estaremos unidas polo que somos, pola nosa cultura e a nosa humanidade".