CRTVG

Buscar

Unidas Podemos rexeita a fusión de Caixabank e Bankia

Publicado o 04/09/2020 20:33

A acción de Bankia vale este venres un 32% máis que hai 24 horas. As de Caixabank revalorizáronse máis do 12%. Así saúdan os investidores o inicio das negociacións das que podería saír o primeiro banco de España. Pero a ledicia na bolsa contrasta coa preocupación expresada por un dos socios do Goberno, Unidas Podemos, a través do Twitter do seu responsable de economía, Nacho Álvarez. Preocúpalles a diminución da competencia e a perda de empregos. E tamén que se afaste a posibilidade de recuperar algún día os 24.000 millóns de euros de axudas públicas cos que o Estado rescatou Bankia.

Alberto Garzón, ministro de Consumo, di que "unha prioridade para este Goberno vai ser a recuperación dese diñeiro. A mellor maneira de garantir iso é mantendo a participación pública nesa entidade"

O Estado ten o 62% da antiga Caja Madrid, unha participación que se diluiría ata o 14% na nova entidade. O Partido Popular si ve con bos ollos a fusión. Cre que redundará nun sector financiero forte, competitivo e ben gobernado.

Elvira Rodríguez, vicesecretaria de Sectorial do PP, cre que "fronte ás ensoñacións marxistas dunha parte do Goberno en relación coa banca pública, cremos que operacións coma esta son unha garantía para que flúa o crédito"

De confirmarse a operación, o novo banco concentraría máis de 600.000 millóns de euros en activos. Del dependerían un de cada catro depósitos e créditos dos españois, moi por diante do BBVA e do Santander. Sumaría máis de 7.000 sucursais e 50.000 traballadores: as negociacións preliminares apuntan a que podería ser preciso o peche do 25% destas oficinas e a prexubilación ou a baixa incentivada de 8.000 empregados.

Noticias web

04/09/2020