Unidas Podemos é optimista ante un posible goberno de coalición
Publicado o 23/05/2019 15:11
Hai contactos permanentes, recoñecen PSOE e Unidas Podemos, pero a negociación comezará a semana que vén, tras as eleccións municipais e autonómicas. É probable que os resultados do domingo faciliten coalicións para gobernar en cidades e comunidades, e o reparto da Mesa do Congreso tamén evidencia o entendemento entre as dúas formacións. Dende Podemos amósanse optimistas, pero non queren falar de reparto de ministerios.
Algunhas fontes apuntan que o PSOE se reservaría os chamados ministerios de Estado, como Interior, Xustiza, Defensa ou Facenda. Os socialistas din que a súa primeria opción é un goberno en solitario, pero tamén insisten na necesidade de diálogo.
PP e Ciudadanos dan por feito que haberá un goberno de coalición.