CRTVG

Buscar

Unhas vacacións en Carnota cambiáronlle a vida a Nacho

Publicado o 15/04/2019 14:28

Unhas vacacións poden ser determinantes nunha vida. Se non que llo pregunten a Nacho, que foi pasar uns días na aldea de Cornido, en Carnota, e aló quedou, na mesma casa, 40 anos, ata hoxe. Encontrou o seu lugar no mundo e un oficio, o de ceramista, coa enerxía e a inspiración que lle dá este curruncho, de apenas 25 casas, aos pés do lendario monte Pindo. Entre as enormes pedras e a inmensa praia naceron xa catro xeracións de animais fantásticos... e como a cabeciña non lle para, unhas cantas ideas máis.

Nacho Porto é natural da Estrada, pero unhas vacacións estivais hai 40 anos trouxérono á aldea de Cornido, en Carnota, e xa non volveu marchar nunca máis.

Aquí arranxou a casa en que viviu aquelas primeiras vacacións e desenvolveu o oficio que o apaixona ata hoxe en día. Coa crise abriu na casa unha sala de exposicións, coas vistas marabillosas sobre a praia de Carnota, para que a xente se achegue a estes lugares. As súas cerámicas convertéronse en 4 xeracións de animais mitolóxicos que agromaron do seu maxín, segundo di, pola forza que lle imprime vivir aos pés do monte Pindo.

Actualmente, anda leado coas posibilidades das impresoras en 3D para elementos cerámicos como os seus altofalantes para móbiles, entroutras pezas cotiás e tecnolóxicas que facilitan a vida.

Asegura que Cornido, unha aldea de apenas 25 casas restauradas na súa maior parte, é o seu lugar no mundo e cre que ten que haber unha enerxía que o manteña aquí, vivindo, di, como nunha nube ou nun mosteiro.

 

 

Noticias web

15/04/2019