Entre a "Galicia profunda" e a subtracción do bebé: unha batalla pola custodia dun fillo
"Non sei ao que ser referiría con iso de Galicia profunda, pero en fin, vese que non coñece a zona", comenta un veciño.
Así de enfadados están en Muros coa xuíza de familia de Marbella por argumentar nun auto provisional que un neno non sería feliz nin tería as mesmas oportunidades vivindo na Galicia profunda coa nai que en Marbella onde residían todos antes da ruptura da parella.
Pero malia esta desafortunada expresión, o auto, que busca, ante todo, a protección do menor, apunta outros argumentos.
Entre outras cousas, sinala a xuíza que levou o bebé sen "previa autorización xudicial", sen consensualo co pai, de forma "unilatareal" e cunha actitude "caprichosa, egoísta, inmadura, agresiva e irrespectuosa".
A xuíza di que non acreditou causa que xustifique o traslado a Galicia e tamén censura a súa actitude cara ao pai, que di que lle enviou mensaxes como: "Podrece no puto inferno", "Morre", "Desaparece" ou audios en que di "vou facer todo o posible para afastalo o máximo posible de ti".
Por argumentos coma este, considera que o coidador principal debe ser o pai, "quen ten unha maior estabilidade a todos os niveis". É neste punto no que recorda que o neno naceu e Marbella, da que di que "é unha cidade cosmopolita, que ten todo tipo de infraestruturas, con todo tipo de colexios, cun bo hospital, onde ademais traballa o pai como médico".
"O que ocorre con esa pequenísima poboación da Galicia profunda [aquí é onde se introduce a expresión], á que se trasladou a nai, lonxe de todo, na que nin sequera ten opcións laborais...", sinala a maxistrada.
A avogada da nai xa presentou unha queixa formal ante a comisión disciplinaria do Consello Xeral do Poder xudicial.
"Isto é discriminatorio, é totalmente subxectivo e non se pode consentir nunha resolución xudicial", comenta Claudia Traba, avogada da defensa.
Tamén vai pedir a nulidade das mediadas previas porque consideran que a maxistrada foi imparcial e vulnerou o dereito da nai á tutela xudicial efectiva.
A avogada do pai, Lola Casares, asegurou a Efe que "o motivo da retirada de custodia é porque se produce unha subtracción dun menor de 13 meses" e que a controversia sobre esa presunta vantaxe de Marbella sobre a "Galicia profunda" non ten ningunha influencia no caso.