CRTVG

Buscar

Unha xornada máis sen falecementos en Galicia e sen novos casos positivos

Publicado o 06/06/2020 21:31

Sen vítimas mortais por terceiro día consecutivo, e despois dunha semana de notable melloría na que se rexistraron dous falecementos por covid-19, a cifra de mortes mantense en 618.

Descende tamén o número de casos activos. Hai 542, 21 menos ca onte. Mantense a cifra de hospitalizados: 26 en planta e un único paciente na UCI desde o mércores. Na última semana producíronse CATRO novos ingresos, segundo confirmou esta tarde o Ministerio de Sanidade.

A cifra de infectados que se recuperan nas súas casas continúa baixando tamén, nestes momentos hai 515 persoas.
En canto ao número de casos activos vinculados ás residencias de maiores, a cifra reduciuse case á metade na última semana: con 28 usuarios positivos e 20 profesionais.

O Ministerio de Sanidade confirmou que NON HOUBO novos diagnósticos en Galicia por PCR nas últimas 24 horas. En total, o cómputo de novos positivos desde hai unha semana é de SETE, polo que a incidencia con respecto á media estatal está moi por debaixo. Constátase así que ata o momento non se produciron novos brotes da enfermidade durante a fase 2.

Por áreas sanitarias, a cifra de casos descende en todas agás en Vigo, que é a de maior incidencia e onde se rexistrou un activo máis desde onte. Na Coruña hai 8 enfermos menos e no resto os casos descenden practicamente todos os días.

A nivel estatal o Ministerio rexistrou nas últimas horas un único falecemento con respecto á xornada anterior, dun total de 27.135 mortes. O portavoz do Comité Técnico, Fernando Simón, recoñecía onte que aínda non está actualizada a cifra total de falecementos, que leva conxelada dez días, pendente dunha revisión completa coas comunidades autónomas. Trátase de actualizar cifras como as de Cataluña, onde de momento o Goberno rexistra 5.587 falecidos confirmados, mentres que o Departamento de Saúde catalán recolle a información declarada polas funerarias, que elevaría o número a 12.358 casos tanto confirmados como sospeitosos que faleceron en hospitais, residencias e domicilios.

Noticias web

06/06/2020