CRTVG

Buscar

Unha veciña de Salvaterra crea un quebracabezas de 20 kg e 33.600 pezas

Publicado o 28/04/2021 21:13

O confinamento do ano pasado supuxo un renacer do interese polos xogos de mesa e os quebracabezas para matar o tempo. Con esa motivación foi que a construtora deste panel empezou a xuntar as 33.600 pezas que conforman esta estampa de vida salvaxe.

O pasado 24 de marzo, esta veciña de Salvaterra de Miño rematou por fin o reto que se propuxera o 6 de abril de 2020, en pleno confinamento. Para entreter o tempo en que o hotel en que traballa estivo pechado, Mónica escolleu montar un quebracabezas xigante.

Pesa 20 quilos e mide case dous metros de longo, un tamaño difícil de encaixar nunha vivenda, por iso, tivo que armalo por bloques. A primeira vez que viu montado o panel completo foi aquí, na Aula de Natureza do Parque da Canuda, unha extensa zona verde a carón do río Miño onde atrae moitas visitas.

Mónica está a piques de empezar o seguinte, outro panel sobre a natureza de 24.000 pezas e xa lle ten botado o ollo a un mural coas marabillas do mundo de 42.000 fichas.