Morre un home atropelado polo tren en Rábade cando cruzaba a vía
Un home morreu atropelado en Rábade, a uns cen metros da estación de ferrocarrís. A vítima do sinistro cruzou a vía cando pasaba un tren procedente da Coruña que se dirixía a Lugo.
"Debeu de ser sobre as dez da mañá. Pasaba o tren e ao parecer colleuno á altura dos sinais de velocidade. Ía indocumentado e non se saben os motivos do que pasou".
Ata o lugar desprazáronse os servizos de emerxencia, que non puideron facer nada pola vítima do atropelo. O suceso coincidiu co día de feira en Rábade e produciuse, ademais, a escasos metros do recinto feiral.
"Nós soubemos que algo pasara aí na vía do tren, dun señor, pero máis nada. Había moita xente, que vimos un montón porque foi a media mañá, pero non sabemos que pasou".
A circulación ferroviaria permaneceu interrompida ata preto do mediodía, cando foi restablecida, mentres que os pasaxeiros foron trasladados en vehículos aos seus destinos. Pola súa parte, a Garda Civil está a investigar o acontecido.