CRTVG

Buscar

Unha veciña de Monforte ofrece de balde a súa segunda residencia ao persoal sanitario

Publicado o 25/03/2020 14:37

Unha casa da parroquia de Paderne, en Pantón, encóntrase á disposición do persoal sanitario de forma totalmente gratuíta. Trátase da segunda residencia dunha veciña de Monforte, que quixo deste xeito botar unha man coa súa iniciativa altruísta e axudar os que están máis expostos nesta crise sanitaria.

Belinda Giraudier, a propietaria da vivenda, explica que "o ofrecemento desta segunda vivenda parte dende a impotencia de non saber que facer, de intentar axudar máis e non saber como. Un día ocorréuseme ofrecer a miña casa aos sanitarios, posto que é a xente que máis exposta está e imaxino que unha das súas preocupacións principais é a posibilidade de contaxiar a súa familia. Se, por desgraza, chegasen a enfermar, esta sería unha maneira de pasar unha corentena tranquila e cómoda".

A vivenda encóntrase a sete quilómetros do hospital de Monforte, polo que é ideal para os sanitarios que non residen na comarca e que teñen que desprazarse a diario. A casa está restaurada e equipada con todo tipo de servizos, incluída a roupa da cama e os utensilios de baño e de cociña.

"Ten unha entrada lateral individual e unha saliña con sofá, cama e televisor, outra cama, un vestidor e un baño completo. Está acabada de reformar, ten unha estufa de leña, que xa lle deixaría leña dabondo fóra e levaría máis, e despois ten unha entrada principal na que ten unha cociña con utensilios, completa".

Ademais da súa segunda residencia, a propietaria tamén ofrece unha furgoneta para os desprazamentos a Monforte.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/03/2020