Unha veciña das Pontes que residía en Nova Zelandia regresa a Galicia para tratar a doenza rara que padece
Vanesa é unha veciña das Pontes que levaba 17 anos vivindo en Nova Zelandia. A finais de xaneiro diagnosticáronlle unha enfermidade rara que danou os seus riles e o único fármaco que a podía salvar non estaba financiado pola sanidade daquel país. Logrou custealo grazas a unha campaña de recadación de fondos que emprenderon familia e amigos ata que puido recuperarse abondo para volver a Galicia e poder seguir tratándose no hospital de Ferrol, onde lle administran o fármaco que aquí cobre o sistema sanitario. Por iso só ten palabras de agradecemento.
A taxa de mortalidade da sua doenza é do 90 por cento, polo que asegura que pasou por momentos moi duros ata que puido ter acceso ao tratamento. Parte dos cartos que recadaron doounos para varios proxectos de investigación da doenza que ela padece. Loitar por acabar coas desigualdades está entre os seus plans de futuro. Vanesa conta co apoio incondicional da sua parella, Diego, que tamén deixou todo en Nova Zelandia para partir agora de cero.