Unha urbanización de Arteixo segue baixo a alta tensión
Os veciños dunha urbanización de Arteixo, abren unha ventá e xa atopan unha torre de alta tensión. "Están a cinco metros das casas...", comenta un dos prexudicados.
Algúns veciños desta urbanización arteixán Sol e Mar contan que as torres estaban instaladas antes de que contruíran as vivendas, pero din que non se percataron do problema ata que comezaron a vivir aquí.
"Cando vives aquí é cando te das conta de todos os problemas...". "Moitos dos que estamos aquí non tiñamos onde meternos e non nos quedou outra que vir para aquí", din os veciños.
Cren que ter as torretas tan preto das súas vivendas supón un risco para a súa saúde. "Aquí estamos todos con dores de cabeza". "Hai veciños que xa marcharon, mandoulles o médico. Houbo quen enfermou de leucemia e recomendáronlle abandonar esta casa, e agora polo menos ten mellor calidade de vida...", contan os veciños.
Moitos levan vivindo aquí corenta anos e hai 25 comezaron a esixir, sen éxito, a retirada ou desvío das torretas.
"Pedimos que as puxesen soterradas, que as movesen... pero nada de nada". "Non fan caso. Ata pedimos informes, e nin así", lamentan os afectados. Levan décadas aturando falsas promesas, pero din que van seguir loitando.