CRTVG

Buscar

Unha tromba de auga deixa inundacións e obriga a rescatar varias persoas atrapadas en Benicasim

Publicado o 29/08/2021 20:28

A cantidade de auga que caeu esta mañá en Benicasim representa un 30 % do que chove habitualmente en todo o ano nesta localidade da costa de Castelló. 

"Unha barbaridade. A miña filla quería vir, pero isto era un río. Teño toda a casa anegada", di unha afectada.

E todo ocorreu en menos de dúas horas, entre as 8 e as 10 da mañá, ata acumular máis de 155 litros por metro cadrado. 

"A verdade é que tamén houbo intensidade pola noite e esta mañá pegou forte", explica un veciño.

Asolagáronse rúas, garaxes, baixos e vivendas e foi preciso rescatar tres persoas atrapadas en vehículos e unha parella de anciáns do interior da súa casa.

Este home di que ocorre sempre, pero estoutro asegura que con esta intensidade non o viu en 40 anos.

Na Aemet explican que é época da convección mediterránea, un fenómeno sen termo medio: ou non chove nada ou faino de forma torrencial e focalizada.

Unha muller quéixase de que as inundacións se producen porque, aínda que canalizaron, non limpan o barranco.

A tromba cinguiuse a Benicasim, pero tamén choveu con intensidade en localidades próximas, como Oropesa e Castelló de la Plana.

Noticias web

29/08/2021