CRTVG

Buscar

Unha trintena de provincias españolas, en alerta por frío e neve

Publicado o 04/01/2021 14:14

Preto de 30 provincias permanecen en alerta polo temporal de frío e neve que afecta, principalmente, a metade norte da Península.

O peor está en Asturias, onde a neve impide circular por 16 portos de montaña e só os vehículos lixeiros poden facelo con cadeas pola autoestrada que comunica o Principado coa Meseta. A neve caída nas últimas horas dificulta os desprazamentos por estrada en boa parte da metade norte peninsular.

Os problemas rexistranse en máis dun cento de estradas da rede principal e trinta vías secundarias. En Asturias, arestora hai 16 portos de montaña pechados e noutros dezaoito son necesarias as cadeas. A principal vía de acceso ao Principado desde a Meseta, a autoestrada do Huerna, está pechada aos vehículos pesados.

A primeiras horas da xornada había complicacións para transitar tamén por numerosas vías secundarias de Cantabria, Castela e León, A Rioxa, Aragón e Euskadi.

"Había tempo que non se vía, tan, tan nevado, non?". "Había moito que non caía esta nevarada, polo menos ao que é a cota da vila".

Na serra de Madrid, a Garda Civil volveu cortar a estrada de acceso ao porto de Navacerrada pola grande afluencia de vehículos e despois de que os aparcamentos da cima completaran toda a ocupación dispoñible.

Esta fin de semana 350 persoas tiveron que ser evacuadas polos servizos de emerxencias ao quedar atrapadas nesta zona da serra madrileña. 

Noticias web

04/01/2021