CRTVG

Buscar

Unha tixola ao lume provoca un incendio nunha vivenda en Vilagarcía

Publicado o 28/08/2019 20:24

Unha tixola esquecida no lume puido custarlle a vida a unha muller de Vilagarcía. A súa cociña incendiouse este mediodía sen que ela se decatase. Cando viu as lapas, pediu axuda pola ventá.

O incendio ocorreu pouco despois da unha da tarde no sétimo andar do edificio Pico Sacro, nunha das vivendas que dá á praia de Compostela.

Francisco Javier Guillán Bustos, xefe do Servizo municipal de Emerxencias de Vilagarcía: "Coincidiu que a dotación de garda estaba ao ladiño na praia e xa se desprazou inmediatamente".

Mari Carmen Diéguez, veciña do edificio: "Dende a ventá empezamos a oír movemento forte de policía, coches de bombeiros. Eu saín á praia e había moitísimo fume polo ático".

Alberto Castro, cabo dos Bombeiros de Vilagarcía: "Había unha persoa dentro do domicilio, a propietaria. Decatouse de que tiña lume na cociña e pediu auxilio. Esta persoa xa puido saír polos seus medios do domicilio".

Francisco Javier Guillán Bustos, xefe do Servizo municipal de Emerxencias de Vilagarcía: "Ao parecer, foi unha tixola que quedou ao lume e que orixinou un incendio na cociña. Viuse afectada por lume a cociña e por fume o resto da vivenda".

A dona do piso tivo que ser atendida por ansiedade e catro veciños por inhalación de fume. Pero todos están ben.

A cociña quedou totalmente queimada, pero as lapas non pasaron a outros cuartos nin a outras vivendas.

O despregamento dos efectivos de extinción fíxose á vez polas dúas fachadas do edificio, nun operativo conxunto de bombeiros, emerxencias municipais e policía, que gabaron todos os veciños.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/08/2019