CRTVG

Buscar

Unha testemuña identifica o presunto autor da morte do seareiro do deportivo Jimmy

Publicado o 20/10/2021 14:28

Novidades en relación ao chamado caso Jimmy. Os feitos remóntanse a novembro do ano 2014, cando unha liorta multitudinaria entre seareiros radicais do Atlético de Madrid e o Deportivo se saldou coa morte do coruñés Francisco Javier Romero. A aparición dunha nova testemuña podería servir para identificar, por fin, o suposto responsable.

Este novo xiro no caso Jimmy prodúcese ao considerar a Audiencia Provincial de Madrid unha testemuña ignorada polo xuíz que apareceu durante as pescudas nun oficio da Policía en que se sinalaba que declarou en sede policial quen eran os autores da morte de Jimmy e que coincidían cos nomes que facilitou outra testemuña protexida á que non se lle deu credibilidade.

O avogado da familia de Jimmy recorreu o auto de arquivo da Audiencia por mor a que o xuíz instrutor non tomou declaración a esta testemuña que si valorou a Audiencia. Tras meses de busca, lograron localizar esta testemuña, noutro país, que identificou outra vez un dos presuntos autores da morte de Jimmy e que sería unha das persoas xa investigadas na causa penal. Agora prevese que o xuíz instrutor lle tome declaración.

Amais, estase á espera de que a Audiencia Provincial de Madrid sinale o xuízo contra un total de 82 persoas pola súa presunta participación na pelexa que acabou coa morte do seareiro do Deportivo.

 

Noticias web

20/10/2021