CRTVG

Buscar

Unha tenda de Boiro sofre un intento de engano na Rede

Publicado o 05/11/2020 14:28

O pequeno comercio tampouco se libra das falcatruadas dos delincuentes en Internet. Descubriuno a propietaria desta tenda de Boiro, vítima dunha impostura esta semana ao poñer en marcha un sorteo en Instagram.

Grazas ás seguidoras e seguidores, descubriron un perfil que usaba o seu logotipo e unha variación moi próxima do seu nome en Instagram.

"O que facía era enviar unha mensaxe ás nosas seguidoras dicindo que eran as gañadoras do sorteo que estabamos a realizar nós coa intención de que elas facilataran datos persoais e datos das súas tarxetas bancarias accedendo a un enlace, introducir eses datos e, a partir de aí, produciríase a estafa", comenta Emma Outes, propietaria de Lookbooky.

Nesa rede social unhas 7.700 persoas seguen esta firma boirense. A propietaria reaccionou de inmediato denunciando o perfil impostor e instando ao seu bloqueo en Instagram.

"Tardaron unhas horas, pero ao final conseguímolo e ao día seguinte o perfil en cuestión xa non existía", explica Emma. Lanza o aviso a navegantes, porque, ao parecer, outras tendas pequenas foron obxecto de ataques similares.

"E despois investigando e mirando un pouco máis, vin que a outras tendas de mesma zona de Galicia lles estaban facendo a mesma estafa co seu tipo de perfís", lamenta.

"Teña coidado tanto cando recibe un correo electrónico dunha conta que non lle resulte familiar como se lle piden amistade nos perfís das redes sociais, que teñan moito coidado e revisen se eses perfís sexan os auténticos e que nunca proporcionen os seus datos persoais, e moito menos os bancarios", lembra a propietaria de Lookbooky.

Porque co aumento da actividade comercial en Internet tamén vai a máis a delincuencia telemática.

Noticias web

05/11/2020

Máis sobre Boiro