CRTVG

Buscar

Unha sentenza dálle a razón ao Concello de Vigo e declara ilegal unha antena de telefonía

Publicado o 19/06/2019 16:44

Unha sentenza acaba de declarar ilegal unha antena de telefonía situada nunha zona residencial de Vigo. Este repetidor incumpre a normativa municipal por non establecer unha distancia mínima coas casas e pola súa altura, duns 35 metros.

Esta decisión dálle a razón ao Concello de Vigo, que desestimou en varias ocasións a súa legalidade. Tras dezaseis anos funcionando sen licenza, para os veciños desta zona chegou xa a hora de retirala. 

Esta antena de telefonía leva aquí instalada, na rúa Tomás Paredes, dende o ano 2003. O repetidor xera de por si un gran impacto visual dada a súa altura, 35 metros. Fronte á súa visibilidade, o que máis preocupa aos veciños é a cercanía que existe coas casas. Coas casas e cun centro de educación especial que atende máis de cincuenta internos.

Leva 16 anos funcionando de maneira ilegal por non cumprir coa normativa municipal. Tanto a súa altura coma a distancia mínima á que debe estar nesta zona residencial non parecen ter xustificación para un xulgado de Vigo.

Tampouco saben de que maneira lles pode afectar a súa saúde. Dende a compañía negan efectos secundarios, pero aínda así non se fían.

Agora unha sentenza decláraa ilegal e dálle a razón ao Concello de Vigo, que podería obrigar a súa retirada. Con todo, non é firme e aínda cabe a posibilidade de interpoñer recurso.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/06/2019