CRTVG

Buscar

Remata unha semana marcada, no político, pola "crise do relator"

Publicado o 10/02/2019 17:30

Detrás da concentración deste domingo subxace a que xa foi definida como a "crise do relator". Esa palabra abriu esta semana unha polémica política con varios vértices, en que interviñeron o Goberno, a Generalitat, os partidos convocantes da concentración de hoxe e tamén sectores do PSOE como algúns baróns autonómicos e socialistas históricos. 

Foi o martes desta semana cando un termo ambiguo espertaba unha treboada política: mediador ou relator nas negociacións entre Cataluña e o Estado. Xurdía despois de que ERC presentara unha emenda á totalidade dos presupostos.

Esa palabra, relator, dispara o debate político e algúns mesmo a ligan cunha figura da ONU, ao tempo que se desvelaban os 21 pedimentos do Executivo catalán a Sánchez. O mércores, a vicepresidenta Calvo reafirma a posición do Goberno en medio da preocupación dos baróns socialistas.

Mentres, o Partido Popular, Ciudadanos e Vox chaman a unha concentración a prol da unidade de España e Casado chámalle a Sánchez "felón" e "traidor".

Pedro Sánchez sente tamén a presión dos socialistas veteranos con experiencia de Estado. Os contactos entre Goberno e Generalitat son intensos entre o xoves e a mañá do venres. Os independentistas queren máis e o executivo central explica que cuestións como a autodeterminación non son negociables.

Agora falta por comprobar se o día 13 se escenificará a ruptura entre os independentistas e o Goberno arredor dos orzamentos estatais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/02/2019