CRTVG

Buscar

Unha segunda oportunidade para Way, un can abandonado no Camiño

Publicado o 22/09/2019 14:24

Contámoslles agora a historia de Way, un can que atoparon uns australianos que facían o Camiño de Santiago. Acompañounos durante parte do percorrido. E se non lle aparece outra familia, o máis probable é que o seu futuro estea en Australia. 

Esta cara bonita é a de Way, un can dos tantos que hai no Camiño que sofren a perda ou o abandono, pero a diferenza de moitos, el está predestinado para un final feliz, xa que cando vagabundeaba en busca de comida e afecto deu con Sandra e Bill, dous autralianos que non miraron para outro lado. O can apareceulles no medio do bosque, e seguiunos durante varios días ata que chegaron á Fonsagrada.

"Non tiña microchip e as autoridades dixéronnos que estaría seguro e que xa aparecería o seu dono. Pero o can volveu aparecer na rúa", cóntanos Sandra. De xeito que hoxe volveron dende Santiago á Fonsagrada a buscar o can. Fixeron unha parada en Lugo para que o animal non se estresase e para contarnos a historia.

Na viaxe acompañounos Santiago, presidente da Asociación Protectora de Animais do Camiño. A Bill, o home de Sara, encantoulle facer o Camiño, pero tamén volve para Australia desgustado, porque di que atoparon moitos cans constantemente atados e sempre fóra da casa. "En Australia non facemos isto", comenta, "temos os cans dentro".

O matrimonio comprometeuse co futuro de Way; amadriñárono e van pagar os seus gastos veterinarios e a súa manutención ata que lle apareza unha familia aquí. Se non lle atopan familia é posible que volvan dende Australia por Way; non serían os primeiros, hai unha muller xaponesa que volve este Nadal para levar outro can abandonado que atopou no Camiño.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/09/2019