CRTVG

Buscar

Unha rotura en cadea de varias tubaxes deixa sen auga as casetas do polbo do San Froilán

Publicado o 11/10/2018 14:27

Unha rotura en cadea de varias tubaxes deixou sen auga as casetas do polbo e os veciños da súa contorna en plenas festas do San Froilán. Como apaño provisional, o Concello estendeu unha tubaxe en superficie e instalou un camión cisterna. Esta mañá restableceuse o servizo, pero os hostaleiros quéixanse das perdas que sufriron, porque esta é a semana de maior facturación do ano. 

A auga volve correr pola billa das casetas do polbo en Lugo. Unha rotura en cadea de varias tubaxes deixou sen esta subministración durante dous días estes negocios, así coma a veciños e outros establecementos da contorna. A situación provocou as queixas dos hostaleiros, xa que esta é a semana grande das festas do San Froilán, e unha das de maior facturación do ano.

Mentres non se reparou a avaría, púxose a disposición destes negocios este camión cisterna, e así foron apañándose. Os hostaleiros din que, a pesar dos trastornos, traballaron para dar un servizo de calidade.

Hoxe xa funciona o servizo con normalidade tras realizar un entronque e instalar unha tubaxe en superficie. Aquí prepáranse para recibir milleiros de comensais durante esta ponte festiva.

As festas oficialmente rematan mañá, pero durante toda a fin de semana seguirá aberto o recinto feiral con prezos especiais e as casetas do polbo que non pechan ata finais de mes.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/10/2018