CRTVG

Buscar

Un asilo da Fundación San Rosendo en Ourense, novo núcleo de contaxios

Publicado o 04/04/2020 21:01

O número de infectados polo coronavirus en residencias de maiores non para de crecer. Nas últimas 24 horas aumentou un 19 por cento. 

A inmensa maioría dos casos novos, 108, nun único centro: a residencia Nosa Señora da Esperanza, que xestiona a Fundación San Rosendo en Ourense. Aquí faleceron nas últimas horas dúas persoas, de maneira que xa son seis as vítimas mortais nesta residencia, todas usuarias do centro.

En total, en Galicia, cinco maiores faleceron nas últimas horas en residencias. O número de infectados ascende xa a 748, entre usuarios e coidadores. Representan o 15 por cento do total de infectados na nosa comunidade.

O coronavirus xa levou seis vidas na residencia Nosa Señora da Esperanza que a Fundación San Rosendo xestiona en Ourense, dúas nas últimas horas. Os resultados dos últimos tests, realizados entre o mércores e o xoves a todos os integrantes do centro, deixaron un reconto de 106 usuarios e 34 traballadores infectados.

Unha das medidas que adoptou a dirección do centro foi o desdobramento da residencia. Unha parte, dous andares, destínase ás persoas que deron negativo nas probas, 51 en total. Os traballadores tamén se desdobran: 53 que deron negativo traballarán por grupos, uns ocupándose das persoas enfermas e outros das que están sas.

Ningún dos infectados require de momento hospitalización, segundo nos informaron desde a Fundación San Rosendo, que considera positivo ter, ao fin, unha radiografía completa da situación, con todos os casos identificados. Esta tarde comezaron a desaloxar unha residencia lindeira, para habilitar máis espazo. Os usuarios deste centro, todos sans, foron trasladados ao balneario de Laias.

Noticias web

04/04/2020