CRTVG

Buscar

A Revista

Unha queixería de Touro incorpora tecnoloxías da chamada industria 4.0 para mellorar os seus queixos

Publicado o 04/09/2018 13:20

Agora imos visitar unha queixería de Touro que apostou polo que chaman industria 4.0. O termo refírese ao uso de sistemas de recollida e análise de datos durante os procesos de produción para facelos máis eficientes. Aquí instalaron sensores que envían información en tempo real sobre o leite ou a callada, de xeito que poidan ir adaptando a técnica de elaboración ás condicións de cada cuba. Imos ver como funciona.

Esta é a materia prima coa que se elabora o queixo de Arzúa-Ulloa: leite enteiro, filtrado e, neste caso, pasteurizado.
Ao contrario que nas producións industriais, nestas queixerías con Denominación de Orixe non poden estandarizalo. Traballan co leite natural e sen modificar a súa composición, que depende de múltiples factores. A época do ano, a alimentación das vacas e o manexo da granxa inflúen no seu contido en graxa, proteína ou lactosa, así que, cunha materia prima viva, terán que ir variando os parámetros de elaboración para conseguir un produto o máis homoxéneo posible.

Canto máis saibas da materia prima, máis poderás controlar o produto que elaboras con ela, e por iso aquí decidiron desenvolver un proxecto piloto con sistemas de recollida de información.
Fan pasar o leite por un circuíto alternativo en que instalaron distintos sensores para facer medicións en tempo real. Agora saben exactamente cantos litros de leite entran á cuba ou canto extracto seco conteñen, con que ph ou a que temperatura están.

Cada tres segundos refrescan eses datos no ordenador, unha información que lles permite manexar os procesos de elaboración segundo o resultado que busquen. A tecnoloxía deseñouna un centro de Murcia, e vai estar tres anos a proba. Implantaron estes sensores ao longo de toda a cadea de produción, para gañar en eficacia e facer desta unha fábrica 'intelixente'.

Agora toca avaliar que sensores son máis útiles, como poderían melloralos ou que outros datos convén recoller. Todo co único obxectivo de seguir mellorando o queixo que fan, e que manteña as súas características durante todo o ano.

Ademais deste proxecto piloto de fábrica intelixente, colaboran con centros de investigación e produtores galegos no estudo Proqueixo. O obxectivo é introducir melloras na alimentación ou no manexo das vacas que se traduzan nun mellor perfil queixeiro do leite, para seguir gañando en calidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

04/09/2018