CRTVG

Buscar

Unha queixería de Guitiriz gaña o concurso nacional de Queixo de Autor

Publicado o 08/06/2021 20:18

Con só dous anos de presenza nos mercados, unha queixería de Guitiriz conseguiu gañar o primeiro premio no Concurso Nacional de Queixo de Autor. O xurado valorou a súa proposta innovadora e a materia prima utilizada. 

Elaborado con leite de vacas en pastoreo, de pasta branda, de codia con mofos e en unidades duns 250 gramos, así é o queixo que obtivo o premio como o mellor de autor de España e que elaboran neste pequeno obradoiro do lugar de Xiros, en Guitiriz. Con só dous anos de vida e cunha produción de apenas 4.000 quilos anuais, o proxecto de dous veterinarios emprendedores xa conseguiu facerse un oco nos mercados gourmet.

"O xurado quería ver o que faciamos, como o faciamos, en que eramos diferentes e como o comunicabamos en público", explica María Veiga da Queixería Bisqato

A queixería procesa só 1.000 litros de leite á semana e todo el procede de vacas que saen pacer durante todo o ano. Madrid é o principal mercado desta queixería, que non precisou de publicidade nin de redes sociais para darse a coñecer. Aseguran que os produtos galegos xa parten con vantaxe pola súa boa imaxe e que o boca a boca é a mellor ferramenta de promoción. "Logo de moito tempo, sacamos o queixo a finais de 2018. E aquel non tiña nada que ver con este porque todos imos aprendendo e evolucionando", salienta Veiga. 

Nos vindeiros meses van saír ao mercado outros dous queixos artesáns galegos, proba da boa saúde do sector.

Noticias web

08/06/2021