CRTVG

Buscar

Unha presidenta de mesa electoral moi especial protagoniza a xornada na Pobra do Caramiñal

Publicado o 10/11/2019 14:29

 

Con numerosas felicitacións e cun goteo paseniño de votantes, uns dez cada hora, comezaba a xornada electoral neste colexio da Ribeiriña, no concello coruñés da Pobra do Caramiñal. E é que a presidenta da mesa protagonizaba a anécdota do día cando se presentou na súa 38 semana de embarazo. Algo que leva con humor dende o día en que recibiu a notificación da súa participación.

Miriam Caamaño, presidenta da mesa electoral da Ribeiriña (A Pobra do Caramiñal): "Deume o riso, porque hai cousa dun mes publiquei unha frase no Facebook que dicía: "Ata que me toque a mesa vai haber eleccións" e ao final, vou ser medio meiga...".

Miriam está a dúas semanas de saír de contas e aínda que a súa situación contémplase como motivo de renuncia, non tivo tempo a facelo. Pero ten claro que o seu neno, ao que lle chamará Marcos, lembraralle este día para sempre.

"O día que naza voulle poñer un marco que poña: 'Primeiras eleccións, dez de novembro'... por suposto", asegura.

Os seus compañeiros de mesa, tres interventores e dous vogais, xa amosaron a súa disposición a axudala no caso de que o seu bebé decida que el tamén quere ser o protagonista do día.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/11/2019