CRTVG

Buscar

Unha praga de fungos acaba coas árbores dunha praza do Porriño

Publicado o 17/10/2019 14:41

Todas estas árbores, algunhas centenarias, están enfermas. Algunhas das que había, de feito, xa non están, porque ou caeron, ata cinco na última semana, ou foron cortadas por operarios municipais para evitar algunha desgraza.

Unha veciña explica que a última das árbores caeu no parque infantil, e que polo mal tempo non había nenos, pero que adoita habelos. Outra explica que, ademais, estes días houbo atraccións infantís na praza e moitas familias. "Un sempre pasa cun pouco de medo por aquí, a verdade", asegura."Puido haber unha desgraza", insiste outro, que lembra que o ano pasado caeu unha das árbores sobre unha terraza.

A maior parte son tileiros afectados por unha praga de fungos provocada, entre outras cousas, pola propia idade das árbores pero tamén, segundo a empresa contratada para avaliar a situación, pola elevación do pavimento realizada hai tempo e pola falta de coidados ao longo dos anos, con sucesivas podas, pouco respectuosas e demasiado agresivas.

"Están mal coidadas, velliñas, ninguén se preocupou delas e, polo tanto, están a morrer", conclúe outro habitual desta zona. "Están todos os anos podándoos, eu creo que o problema vén de aí".

O departamento municipal de Medio Ambiente efectuará outras dúas cortas os vindeiros días e informa de que non descarta cortar todos os exemplares e reforestar a zona.

"É un parque moi bonito, a vexetación queda moi ben, pero ante o perigo o primeiro é a seguridade". "Se non hai outro remedio haberá que cortalos, pero antes deberían facer un exame", din.

Un exame que, segundo a empresa contratada polo Concello, é practicamente imposible que ofreza resultados fiables, polo que recomenda a corta de todas as árbores para garantir a seguridade das persoas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/10/2019