CRTVG

Buscar

Unha pontevedresa de 46 anos recibe a dose tres millóns da vacina en Galicia

Publicado o 09/07/2021 14:05

Foto: EFE

A pontevedresa Ana Biempica, de 46 anos, recibiu este venres a dose número tres millóns da vacina contra a covid−19 en Galicia. A inxección foille administrada no Recinto Feiral de Pontevedra.

Era, no seu caso, a segunda dose para completar a pauta de inmunización. Biempica, tras a inxección, animou á cidadanía a vacinarse porque: "Isto é para o beneficio de todos".

Tras expresar a súa "sorpresa" pola repercusión da súa vacinación, asegurou ante os xornalistas que está "súper contenta" de recibir a pauta completa: "A pandemia colleunos con meu pai enfermo así que estamos todos desexando que isto pase, que todo o mundo se vacine e que poidamos vivir un pouco de normalidade".

A vacina que lle puxeron é a da farmacéutica Pfizer. A primeira disque non lle deu reacción, só sentiu algo de dor na zona do pinchazo ao día seguinte. "Tomei un paracetamol por se acaso pero confío en poder ir á praia e que non pase nada", afirmou.

Desde a área sanitaria fan un chamamento á participación dos cidadáns, tanto nos cribados como para acudir á cita da vacinación. "De participación está fallando ao redor dun 25%-30% na franxa dos 30 anos, antes estabamos ás veces co 90% de participación, agora na franxa dos 30 falla un pouco, tamén entramos en período vacacional, que tamén ten consecuencias", di Consuelo Rodríguez, coordinadora de enfermería.

A metade da poboación da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés completou a pauta da vacina contra a covid. Segundo o xerente, son unhas 137.000 persoas. En toda Galicia, máis dun millóns seiscentas mil persoas teñen a pauta completa, o que supón que xa está inmunizada máis da metade da poboación.

Noticias web

09/07/2021