CRTVG

Buscar

Unha plataforma veciñal convoca unha protesta tras a explosión

Publicado o 15/01/2020 13:18

• A petroquímica, convencida de que reacionou ben tras a explosión no complexo

Unha plataforma veciñal convoca unha protesta tras a explosión

A plataforma cidadá Cel Net de Tarragona convocou unha concentración esta tarde ante as oficinas da Asociación Empresarial Química de Tarragona e unha manifestación posterior, como resposta á explosión que se produciu onte martes na empresa IQOXE.

Nun comunicado, Cel Net lamenta a explosión que causou dous mortos -un cidadán que se atopaba no seu domicilio e un traballador da empresa- e oito feridos, tres dos cales foron ingresados na unidade de queimados do Hospital Vall d' Hebron, en Barcelona.

Os veciños agrupados na Plataforma Cel Net, creada fai once anos, denunciaron que as sirenas que contempla o Plan de Emerxencia Exterior do Sector Químico de Tarragona (PlaSEQTA) para alertar á poboación non se activasen onte á noite e que "a poboación vivise de novo situacións angustiosas de desprotección e desinformación".

Por iso, esixiron responsabilidades públicas e denunciaron "a falta de compromiso e control por parte do Govern da Generalitat".

Cel Net reclama unha nova lexislación que controle, regule e reduza o impacto da industria contaminante, que se activen mecanismos de comunicación claros e efectivos que velen pola seguridade da poboación e que se elabore un estudo "exhaustivo que avalíe os riscos e o impacto das industrias do complexo  petroquímico sobre a saúde e o medio ambiente".

A petroquímica, convencida de que reacionou ben tras a explosión no complexo

A empresa química IQOXE, que onte sufriu unha explosión no complexo químico que ten na  Canonja (Tarragona), mostrouse "convencida" de que reaccionou "ben" tras este incidente, seguindo en todo momento "as instrucións" dos bombeiros.

Así o dixo o conselleiro delegado de IQOXE, José Luis  Morlanes, nunha comparecencia ante os medios para dar explicacións sobre este accidente, que causou dous mortos e oito feridos.

IQOXE anunciou xa esta mañá que abriu "unha investigación interna" sobre o accidente, e aclarou que a planta afectada pola explosión "púxose en operación en xuño de 2017 e que veu funcionando con total normalidade" desde entón.

A preguntas dos xornalistas, Morlanes dixo que aínda se descoñecen as causas do accidente, porque os bombeiros "aínda están a controlar un tanque" do complexo, e subliñou que ata que non acabe a intervención dos bombeiros a planta permanecerá "confinada".

O tanque no que se produciu a explosión tiña unha capacidade "dunhas 20 toneladas" e producía neses momentos un produto derivado do óxido de etileno, precisou.

En canto á reacción da empresa unha vez sucedida a explosión, Morlanes lembrou que o accidente foi "notorio", polo que "aos poucos minutos" os bombeiros do parque químico estaban no complexo, apuntou.

"Estivemos coordinados en todo momento coas autoridades e seguimos as súas instrucións (...). Estamos convencidos de que fixemos as cousas ben", dixo  Morlanes, ex-presidente da histórica compañía química La Seda de Barcelona.

Nun momento da breve comparecencia ante os medios, Morlanes, emocionado, respondeu ao cúmulo de preguntas que lle facían os xornalistas: "É moi fácil preguntar, pero imaxínanse unha planta na que hai unha explosión e non atopan a cinco compañeiros?".

Por iso, remarcou que en momentos de "gran dor" como este a prioridade é atender e "acompañar" ás vítimas e ás súas familias, en alusión ao empregado da planta que morreu e aos oito traballadores feridos. Tamén mostrou a súa intención de poder volver poñer en marcha a planta "canto antes", porque lembrou que 120 familias dependen dela.