Unha plataforma reclama cartos para que se remate a autovía entre Lugo e Ourense
Chámanlle a AP-9 do interior, a autovía que debía vertebrar as provincias de Lugo e Ourense para conectar a Galicia interior co resto do país. Proxectouse no plan Galicia, en 2004, pero este é o único treito operativo. 8,8 quilómetros con pouco tráfico por quedaren descolgados.
A conselleira de Infraestruturas reuniuse con integrantes da plataforma Pro-A-56 que demandan recursos para esta obra, que debía estar concluída en 2008, cando empezaron as obras.
Lisardo González, representante da Confederación de Empresarios na plataforma: "Non é que esteamos abandonados, é que se está quedando sen poboación, sen empresas. Os polígonos non están enlazados, Chantada, Vilamarín, Taboada ou Punxín".
Ethel Vázquez comprometeuse a trasladarllo ao ministro de Fomento na próxima xuntanza.
Ethel Váquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade: "Garantimos que na próxima xuntanza no mes de abril trasladaremos por parte da Xunta de Galicia a demanda de que se impulse esta autovía A-56 como actuación estratéxica".
Piden que se priorice o treito ata Ourense, para enlazar coa autovía das Rías Baixas.