CRTVG

Buscar

Unha persoa morta e outra ferida nun tiroteo entre bandas en Granada

Publicado o 09/04/2019 17:33

A policía investiga o tiroteo que se rexistrou nun parque infantil de Granada que deixou un morto e un ferido grave. Hai un detido e outra persoa en busca e captura. Todo indica que se tratou dun axuste de contas pola venda de drogas.

Os feitos aconteceron na localidade granadina de La Zubia. Eran as sete da tarde de onte cando se desencadeou un tiroteo nas proximidades dun parque infantil. O enfrontamento rematou coa morte dun home de 24 anos que recibíu dous tiros na cabeza. Foi identificado pouco despois polos familiares que se desprazaron ao lugar. Outro home, de 25 anos, recibiu un tiro no pescozo e outro no tórax. Foi trasladado ao hospital onde permanece en estado grave na unidade de coidados intensivos.

O tiroteo alertou os veciños da zona que informaron os axentes de que viran fuxir varias persoas en dous coches. Media hora despois, as forzas de seguridade detiveron un home supostamente relacionado no tiroteo e hai outro en busca e captura, aínda que non se desbota que poida haber máis persoas implicadas.

Segundo as primeiras investigacións, todo indica que se tratou dun axuste de contas entre bandas de traficantes de drogas.

 

Noticias web

09/04/2019