CRTVG

Buscar

Unha peregrinación a través das caras máis coñecidas que fixeron o Camiño de Santiago

Publicado o 27/08/2021 22:17

Durante séculos o Camiño de Santiago trouxo a Galicia a moitos persoeiros e famosos. Dende os Reis Católicos no século quince ata os últimos influencers deste 2021 desfilaron figuras do mundo da cultura, da política ou dos deportes. Hoxe facemos a nosa particular peregrinaxe a través das facianas máis coñecidas. 

O Camiño de Santiago acolleu dende sempre persoeiros ilustres. Os Reis Católicos peregrinaron en 1486 para pedirlle ao Apóstolo axuda na súa loita contra os musulmáns. Tamén Carlos I e V de Alemaña, o seu fillo Filipe II, ou San Francisco de Asís que tardou dous anos mentres fundou varios monasterios ao seu paso.

O Papa Juan Pablo II peregrinou en dúas ocasións ata Santiago, no 82 e no 89 dándolle un importante pulo. Xa nos anos 90 a súa sona trouxo moitas caras coñecidas. A actriz Shirley MacClaine ou a baronesa Thyssen ademais de políticos da época como Mariano Rajoy e Ana Botella, e mesmo a filla de George Bush a principios do novo milenio.

O actor Martin Sheen foi un dos mellores embaixadores grazas ao seu documental O Camiño. Nesta mesma liña Michael Douglas ou a irmá de John Lennon, Julia Bird, tamén promocionaron esta peregrinación polo mundo.

Non podemos esquecer á escritora coreana Kim Han Hee, que lle deu sona no seu país coa súa obra da que vendeu miles de exemplares e que rematou cun reality show sobre o Camiño cun grupo de amigos. Seguindo coa pluma, o escritor Paulo Coelho estreouse como novelista tras facer o Camiño obra titulada 'O peregrino de Compostela' que ben seguro axudou na súa expansión a través dos lectores.

A ciencia do máis alto nivel quedou representada por Stephen Hawking que fixo un tramo de xeito simbólico. Do deporte chegaron Miguel Indurain, acompañado, entre outros, do artista Serafín Zubiri nunha peregrinación sobre dúas rodas. Uns anos máis tarde José Antonio Corbalán facía a andaina de xeito solidario. 

A realeza tamén apoiou a ruta xacobea da man da raíña Sofía e pouco despois cos daquela Príncipes de Asturias, don Filipe e dona Letizia en 2004. 

Na época máis recente son moitos os famosos que se puxeron as botas e cargaron a mochila: Angela Merkel, David Bisbal, Cayetano Martínez de Irujo, o Cordobés ou Fran Rivera. 

E neste último ano puidemos ver a Carmen Lomana, o actor Dani Rovira ou o galego Martiño Rivas que fixo o percorrido con varios influencers que despuntan nas redes sociais. Porque o Camiño non entende de idades, de clases sociais nin de gremios, está aberto a todo mundo que queira vivir a experiencia da peregrinación.
 

Noticias web

27/08/2021