O Estado Islámico atribúese os atentados de Sri Lanka
O Estado Islámico asumiu a autoría dos atentados suicidas do domingo en Sri Lanka, que deixaron 321 mortos e medio millar de feridos. O presidente do país anunciou unha profunda reeestruturación dos mandos de Defensa e das forzas de seguridade e negou que o advertisen dos ataques.
A cadea de televisión Sky News facía público nas últimas horas este vídeo filmado o domingo na igrexa de San Sebastián, en Katana, en que se ve un dos presuntos terroristas accedendo ao templo. Leva unha gran mochila ao lombo e entra na igrexa ateigada de fieis. Minutos despois fai estourar a carga explosiva. Polo menos cen persoas morren nesa explosión.
O autodenominado Estado Islámico emitiu unha nota, que non puido ser verificada, onde explica que foron 7 os terroristas, supostamente os que se ven neste vídeo difundido por unha axencia do ISIS, que cometeron os atentados contra igrexas e hoteis porque que había cristiáns e cidadáns dos países que combaten o xihadismo. As autoridades de Sri Lanka cren que se cometeron como represalia polo recente masacre en dúas mesquitas de Nova Zelandia.
Mentres, o número de vítimas continúa aumentando con cada novo reconto. O último fala de 321 mortos e máis de 500 feridos tras o peor atentado en Asia no que vai de século. Mentres, o país comeza a darlles sepultura aos seus mortos, saen a luz as desavinzas internas no Goberno, entre o primeiro ministro e o presidente, que levan meses enfrontados. O presidente Sirisena negou que o advertisen dun ataque inminente e anunciou que remudará os responsables dos servizos de intelixencia, a policía e as forzas de seguridade, que non compartiron con el, dixo, o informe de intelixencia dun país estranxeiro.