CRTVG

Buscar

Unha panadería solidaria de Pontevedra deixa o pan sobrante na porta

Publicado o 27/05/2019 14:25

Uns panadeiros de Pontevedra regalan o pan sobrante. Todos os días deixan o produto que lles queda sen vender na porta do local, coa esperanza de que o recollan as persoas que verdadeiramente o necesiten.

Os donos desta panadería adoitaban regalar o pan sobrante a familiares ou aos veciños que teñen negocios na mesma galería comercial no centro de Pontevedra. Desde hai unhas semanas decidiron deixalo debidamente empaquetado na porta do local cando pechan pola noite.

Érika Medina, panadeira: "Sabemos que hai moita xente sen recursos, que hai necesidade, e que a xente non o ven pedir por vergoña".

Érika naceu en Venezuela e o seu marido é dunha familia orixinaria de Lalín.

Desde hai cinco anos rexentan este negocio e non esperaban a repercusión que está a ter a súa iniciativa solidaria. 

Érika Medina, panadeira: "Nin buscamos publicidade nin chamamos a prensa. Somos xente sinxela. Levamos cinco anos aquí. Non buscamos nada, a intención é axudar, igual que a xente nos axuda a nós vindo comprar o pan".

Tampouco contaban coa picaresca. En dúas ocasións sorprenderon uns individuos asexando para apoderarse de toda a caixa de pan.

 Érika Medina, panadeira: "Volvéronse para coller as barras de pan, pero non unha, todas. O meu marido díxolles que non era así, que recolleran o que necesitaran pero que había máis xente".

Agora prefiren non mirar atrás e pensar que os que todas as noites levan o pan sobrante é porque o necesitan.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/05/2019