CRTVG

Buscar

Unha ovella pare seis años en Cospeito, cando o normal é que nazan dúas crías

Publicado o 24/04/2019 20:19

Nunha explotación ovina do concello chairego de Cospeito sucedeu un feito excepcional. Unha ovella pariu seis años, cando o normal é que nunha mesma camada nazan dúas crías. Os años son resultado do cruzamento de dúas razas moi prolíficas, o que podería explicar este parto séxtuplo. 

Estes seis años de apenas tres días son irmáns. Naceron nun parto séxtuplo, un feito totalmente excepcional, posto que o normal é que as camadas consten de dúas crías. Segundo o seu dono, que ten a explotación en Caldaloba, no concello de Cospeito, os años son resultado do cruzamento de dúas razas especialmente prolíficas.

Xabier Fernández, gandeiro: "Aquí, nesta explotación, é o primeiro parto séxtuplo que temos, aínda que xa tivemos outros partos múltiples, partos quíntuplos, cuádruplos ou triplos, que son máis habituais, pero parto séxtuplo é o primeiro. Levamos traballando bastante en aumentar a prolificidade das ovellas e para iso introducimos especialmente unha raza que é a romanov, unha raza prolífica para aumentar a prolificidade das ovellas das que partiamos, que eran de raza berrichon. Esta ovella en concreto é unha neta dunha romanov e filla dun macho pelibuey, co cal sumamos a prolificidade das dúas razas".

Así e todo, un parto múltiple coma este non é rendible para unha explotación, posto que os años requiren máis tempo e esforzo por parte do gandeiro.

Carmen Nodar, veterinaria"A xenética é case matemática. Se sumas caracteres, pois é o que se vai obter. Agora, é rendible ou beneficioso para alguén? Unha ovella pode criar seis años? Non, e hai que axudala".

Por outra banda, os años criados con mamadeira adoitan ser máis propensos a sufrir infeccións ca os que foron aleitados pola súa nai.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/04/2019