Unha ourensá de 92 anos pide prudencia mentres se recupera de covid no hospital
Eulogia ten 92 anos e problemas de corazón. Levaba días atopándose moi cansa, así que a súa médica decidiu facerlle unha PCR. O resultado da proba foi positivo e ingresou no hospital de Ourense o pasado venres. Dende alí pídelle á xente moita precaución.
Vive coa súa filla Lucita, de 73 anos, que aínda está pendente do resultado dunha terceira PCR para descartar que ela tamén teña o virus antes de que a súa nai volva á casa. Ambas aseguran que tomaron todas as precaucións e que non se explican onde nin cando puido producirse o contaxio.
Eulogia mantén o contacto cos seus a través do teléfono e por precaución leva xa tempo vendo os netos a distancia. Eles son os primeiros en darlle apoio estes días.
Malia a preocupación dos primeiros días, o certo é que Eulogia evoluciona favorablemente e confían en que ben pronto poida volver á súa casa.