CRTVG

Buscar

Unha octoxenaria ferida na cabeza e con mazaduras ao sufrir un tirón en Pontevedra

Publicado o 06/08/2019 13:51

Unha muller de 85 anos sofre lesións na cabeza e nos brazos despois de que un home a tirara ao chan para roubarlle o bolso. A vítima foi abordada polas costas cando ía entrar no portal da súa casa en Pontevedra.

Maruja recíbenos na súa vivenda da rúa pontevedresa da Barca e dinos que en 85 anos de vida nunca lle pasara algo como o sufrido o domingo á media tarde. Estaba de volta para casa e ía abrir o portal cando un home lle foi por detrás, deulle un tirón no bolso e derrubouna de costas na rúa. Amósanos a lesión que lle ocasionou o golpe na cabeza.

A vítima di: "Tiroume para atrás. Nese momento chegaron persoas de arredor e o ladrón escapou".

Maruja lembra que un camareiro dun local próximo e outras persoas acudiron para axudala tras o impacto no chan.

"Xa saltou o sangue. Corría o sangue... e xuntouse xente arredor. Un mozo dun bar foi atrás do atacante e colleu a matrícula do seu coche, e estaba un segundo home agardándoo dentro".

O autor do tirón logrou fuxir co bolso, en que tiña entre 20 e 30 euros. Di que "levou todo. Agora non teño o documento de identidade, nin os papeis do médico máis unha peza de ouro dun pendente que perdera".

Maruja di que se sente moi mal como consecuencia do ataque. Engade que está a combater a dor con fármacos desde que a atenderon no hospital de Pontevedra.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/08/2019