CRTVG

Buscar

O polígono do Ceao regresa á normalidade tras a parálise ocasionada onte por unha nube tóxica

Publicado o 19/06/2019 14:07

No polígono lugués do Ceao volven á normalidade logo dun incidente que durante preto de tres horas mesmo chegou a paralizar parcialmente a actividade desta zona industrial. Tratouse dun accidente químico rexistrado nunha das plantas que Leite Río ten no Ceao. O suceso foi provocado pola reacción química de dous produtos logo de que un traballador os mesturara por erro ao conectar a mangueira dun camión cun destes tanques. Comezou entón a formarse unha nube tóxica de cor amarelenta que fixo saltar todas as alarmas.

David Bruck, bombeiro de Lugo: "Tratábase da reacción de dous produtos químicos, ácido nítrico e un fluoculante. Unha fuga en estado gasoso de ácido nítrico, que é corrosivo, e de amoníaco, tamén e corrosivo. Non se podía respirar nin entrar en contacto coa nube tóxica, entón a actuación baseouse en direccionar a fuga gasosa cara ás zonas en que había menos poboación".

No dispositivo de control do accidente particou tamén a policía local, a nacional e a autonómica, que cortaron os accesos á zona ao tempo que alertaron os traballadores das naves próximas ao lugar do suceso. Os compoñentes da nube tóxica eran corrosivos e podían provocar proídos de ollos e de garganta, polo que se alertaba a xente de que pechara os negocios e non saíse á rúa. Para traballar no lugar exacto da fuga os bombeiros tamén tiveron que ataviarse con traxes especiais.

David Bruck, bombeiro de Lugo: "Os traxes son de protección dous. Son antisalpicaduras porque non che pode tocar ese líquido nin debes inhalar esa atmosfera".

Afortunadamente todo quedou nun susto e, malia a aparatosidade do incidente, non houbo que lamentar danos persoais importantes. Con todo, facerlle fronte a unha situación así, nun punto estratéxico da cidade, foi complicado para un equipo de bombeiros que apenas dispón de persoal.

David Bruck, bombeiro de Lugo: "É unha situación complicada, o primeiro porque o servizo de bombeiros está nun momento de cadro moi baixo. Onte interviñeron cinco persoas e necesitamos que o resolvan e metan xente o antes posible, a cadro completo".

Durante as preto de tres horas que levou controlar o incidente rexistráronse numerosos atascos no polígono do Ceao, que mesmo por momentos chegaron a afectar a conexión coa autovía A-6.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/06/2019