CRTVG

Buscar

Unha nova praga ameaza a colleita de castañas

Publicado o 20/10/2021 19:39

Follas cun ton escuro ou directamente secas, ourizos que caen antes de tempo ou abren antes de caer e castañas que podrecen sen chegar á maduración. É a situación que se está a vivir nos soutos de boa parte dos concellos ourensáns onde máis castaña se produce por causa dunha estraña praga que apareceu hai tres semanas.

Os produtores din que nunca viran nada semellante e piden que se investigue a orixe e posibles solucións para a praga.

"Eu quixera saber de onde veu isto porque está claro que a colleita deste ano xa se perdeu", explica Domingo Lorenzo, produtor de castañas.

En concellos como Viana do Bolo, A Gudiña ou Vilariño de Conso estímase que a praga pode acabar provocando unhas perdas de ata o 70 % da colleita de castaña deste ano. Unha mingua moi sensible nunhas comarcas onde os castiñeiros supoñen un importante complemento de ingresos para moitas familias. Tamén hai o temor de que a nova praga acabe por matar as árbores.

"As autoridades deberían investigar o que está a acontecer porque isto é unha perda enorme", sinala Víctor Barreira. 

Os ourizos espallados e derramados dan idea de que a deste ano ía ser unha colleita das máis abondosas dos últimos anos. Finalmente non será así por cause desta nova praga que afecta os castiñeiros.

Algúns produtores apuntan a que a praga podería estar causada por unha especie de fungo que xurdiu pola mestura de chuvia e altas temperaturas que se produciu a finais de setembro.

Noticias web

20/10/2021