Unha nova operación contra a inmigración nos EUA volve avivar o debate mentres perviven os ecos das últimas matanzas
Foi unha gran redada, unha redada masiva. Case setecentos inmigrantes indocumentados detidos en Misisipi. "Papá non é un criminal", dicía unha á que lle tocou ben de preto esta operación que levaba meses en preparación.
600 axentes rodearon as plantas manipuladoras de alimentos en que se practicaron as detencións. E os detidos, transladados en autobuses, pasaron á disposición do Servizo de Inmigración, que vai decidindo se os mantén detidos ata que os deporten ou os deixan en liberdade ata que as cortes decidan se poden quedar nos Estados Unidos ou non.
"Por favor, deixen os meus pais ser libres", suplicaba a pequena apelando ao corazón dos gobernantes. Libres quedaron, polo de agora, a metade dos arrestados. A outra metade segue agardando destino e futuro.
"Todos os mexicanos detidos onte contarán coa asistencia legal de México e os seus consulados", anunciaban desde o Goberno mexicano. Son de México máis de cen dos detidos. Case douscentos son de Guatemala, onde falou en viaxe oficial Nancy Pelosi, a líder dos representantes demócratas, furibunda opositora de Trump.
"As cousas teñen que cambiar. É de vergoña o que está a pasar na fronteira", di Pelosi. "Vai contra os nosos valores", engade, ao tempo que recoñece que se trata dun problema difícil.