CRTVG

Buscar

Unha nova inspección constata que seguen os "incumprimentos" en Casa Macán e mantén o peche

Publicado o 14/02/2020 17:48
Unha nova inspección constata que seguen os "incumprimentos" en Casa Macán e mantén o peche

Unha nova inspección realizada este venres por técnicos da Consellería de Sanidade na empresa láctea Casa Macán constatou que "non están arranxados todos os incumprimentos detectados". Diso informou a Consellería de Sanidade a Europa Press, que explica que se mantén a paralización cautelar da produción desta queixería de Taboada (Lugo) tras levar a cabo esta segunda inspección a requirimento do titular.

Nun primeiro control a pasada semana, Sanidade detectou "graves incumprimentos nas condicións estruturais de limpeza e mantemento" en Casa Macán, o que derivou esta semana nunha alerta para a retirada dos seus produtos e a suspensión da produción. Esta situación débese a problemas "operacionais" e de "hixiene dos procesos". Unha problemática que se identifica con "incumprimentos" no almacenamento de materias primas e ingredientes de forma que non se pode garantir a inocuidade dos mesmos e temperaturas inadecuadas en distintas fases da produción.

A isto únese "a ausencia de protección dos produtos de focos de contaminación en todas as fases de cadea de produción e ausencia de garantías de rastrexabilidade de procesos". Tras coñecerse a alerta sanitaria, o director xeral de Casa Macán, Eladio Rigueira, defendeu que "non hai ningún produto contaminado" nin "risco alimentario".

A prohibición da venda afecta todos os lotes de produtos desta compañía, como a manteiga cocida de vaca, os queixos das DO Arzúa Ulloa, Tetilla e Arzúa Ulloa curado. Tamén o queixo de barra Costeño e queixo galego en rebandas. Recoméndase aos cidadáns que teñan estes produtos que non os consuman e que os devolvan aos puntos de compra. Estes lácteos foron distribuídos en Galicia, Cataluña e Castela-A Mancha.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí