Unha nova coada escíndese da principal e arrasa con 50 hectáreas de plataneiros
En paralelo á coada que rematou no mar, e a uns 600 metros dela, unha nova lingua escindiuse cando estaba a 350 metros da costa. Desembocou na mesma illa baixa que creara en 1949 a erupción do volcán San Juan. Esta nova lingua de lava levou por diante unhas 50 hectáreas de plataneiros e edificacións que ata agora se salvaran do magma.
Os expertos consideran que a erupción entrou nunha fase de estabilidade e explican que o tubo volcánico que drena a lava desde o cráter ata o mar reduce o dano que ocasionan as coadas. Preocupa a calidade do aire, que empeorou nas últimas horas.
Espérase que hoxe volvan soprar os ventos alisios, que farán mellorar a calidade do aire. Preocupa tamén o incremento da sismicidade. Nas últimas horas rexistrábase un forte terremoto a 35 quilómetros de profundidade e de 4,3 graos de intensidade. A el seguíronlle outros 3 de máis de 3 graos. Pero os científicos non cren que isto supoña a apertura dun novo cono eruptivo.
Tras vinte días de destrución polo volcán, xa se botan contas dos danos económicos. A Asociación de Produtores de Plátano de Canarias estima que a lava xa arrasou con cen hectáreas de cultivo. Pero tamén están en perigo as explotacións que teñen cortado o acceso. En total, unhas 600 hectáreas afectadas.
Ademais, a cinsa está dificultando a venda dos plátanos. A súa acumulación está complicando tamén as comunicacións e mantén inoperativo o aeroporto da Palma, o que obrigou a cancelar 34 voos interinsulares e nacionais.